(Feita: 06-04-2012)
Lugar: Lobios (Ourense)
Distancia: 16 km
Duración: 7
Dificultade: Media - Alta
Circular: Si
Percorrido: A uns 100 metros do comezo da ruta encontrámonos os restos arqueolóxicos de "Aquis Originis", primeira das "Mansios" existentes en Ourense. As escavacións realizadas nesta "Mansio" sacaron á luz restos dun pequeno edificio con estanzas dedicadas a cociña e un espazo termal con sistema de calefacción (hipocausto), xa que o costume dos baños termais estaba moi estendido.
Continuamos o percorrido polo val do Río Caldo ata cruzar a Corga dá Fecha. A uns 50 metros, cruzade o Río Caldo pola ponte que existe á vosa dereita e poderedes ver un dos múltiples muíños (restaurado), que existen ao longo de todo o río; volvede atrás, retomades a Ruta dá Fecha, e pola pista que antes deixarades á vosa esquerda, a uns 100 metros, está o inicio da suba que nos leva ás fermosas pozas e fervenzas da Ruta dá Fecha. Xa no fondo da garganta que forma a Corga dá Fecha encontrardes unha fermosa poza e se vos metedes na canle do río (con moito coidado, de non esvarar nas pedras) observardes a primeira das fervenzas desta Ruta. O que vedes é fermoso pero a pesar de que a suba é pronunciada, seguide, que o mellor está por ver. A media aba é cando podemos ver en toda a súa amplitude a impresionante vista de todo o conxunto de fervenzas graduadas que forman a Corga dá Fecha.
Aínda que a vista da Corga é impactante e a espectacularidade das fervenzas nos obriga a admirar o que temos diante dos ollos, tras o necesario descanso, continuade o ascenso xa que ata chegar ao alto da Ruta, bordeando toda a Corga dá Fecha, deixamos detrás noso, a medida que subimos, unhas fermosas panorámicas do Val de Río Caldo, a Serra de Santa Eufemia e ata mesmo a Serra do Quinxo. Tras o dificultoso ascenso, chegamos a un terreo chairo dende onde podemos conectar con outra das rutas do Parque Natural coñecida como da Cabaniña do Curro. Como xa dixemos, a dificultade da ruta é alta, pero, a espectacularidade de todo o que podemos observar ao longo dela, paga a pena o esforzo ata chegar ao alto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario